Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Moeche propón unha lectura colectiva de lemas contra o machismo con motivo do 25-N


Moeche programou varias actividades con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller que se celebra este sábado. O acto central terá lugar precisamente ese día, coa lectura no Mercado -a partir das 11:30h- de textos a prol da igualdade e do manifesto aprobado polos grupos políticos municipais. Unha proposta que contará coa participación das entidades veciñais do municipio e de todas aquelas persoas que queiran sumarse a este pequeno acto de reivindicación a través da palabra no que, ademais, tamén haberá chocolate e doces. Como anticipo do 25N, o venres tamén se entregarán os premios do concurso de lemas organizado polo CEIP San Ramón entre o seu alumnado coa colaboración do Concello. Por outra banda, Moeche volve sumarse este ano á campaña “De Fronte” promovida pola Deputación da Coruña.

O certame de lemas en favor da igualdade e como rexeitamento das violencias exercidas contra as mulleres e nenas é parte fundamental do programa curricular do CEIP, que inclúe de maneira transversal durante todo o ano a coeducación, o fomento da empatía e o respecto como fundamentos sostedores da prevención do machismo.

A comunidade escolar traballou nas últimas semanas sobre todos estes valores, levados ao papel en cada aula con debuxos e frases de compromiso que son, en esencia, chamamentos da infancia a construír unha sociedade que deixe atrás dunha vez por todas da lacra do maltrato.

A alcaldesa, Beatriz Bascoy, e a bibliotecaria municipal, Pilar Pazo, entregarán o venres pola mañá os premios aos lemas seleccionados na presente edición do certame. Será ao remate do espectáculo “Contos arredor de nós” ofrecido por Alba de Vales, nome artístico da narradora Alba Grande Vázquez. Trátase dunha pequena peza oral con tres historias moi relacionadas co uso da nosa lingua e enfiadas coa concienciación sobre a igualdade de xénero. “Contos arredor de nós” forma parte do catálogo da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Lemas tamén no mercado dos sábados
Na xornada do 25 de novembro, que este ano cadra en sábado, a área de Igualdade levará ao mercado o acto central co gallo da data. A partir das 11:30h desenvolverase unha lectura colectiva de textos, poemas, frases ou incluso letras de cancións -con música ou sen ela- relacionadas coa loita contra a violencia e pola igualdade.

O Concello xa convidou aos colectivos veciñais e fai extensivo o convite a todas aquelas persoas que pasen polo mercado facer compra ou que queiran achegarse participar na lectura, para a que haberá múltiples escritos entre os que escoller seleccionados por Igualdade, aínda que cadaquén poderá traer os seus.

A cita concluirá sobre as 12:30h co pronunciamento do manifesto institucional que se aprobe este xoves na Xunta de Portavoces integrada polos dous grupos políticos con representación municipal. Ademais tamén haberá agasallos e degustaranse doces acompañados dun chocolate preparado pola Asociación veciñal de Labacengos.

Campaña “De Fronte”
Desde a área de Igualdade da Deputación da Coruña impulsan un ano máis a campaña “De Fronte” con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que conta coa adhesión de 91 concellos e 82 entidades -sociais, educativas, empresariais, etc.-, entre elas o Concello de Moeche.

A campaña provincial pon o foco nas violencias machistas en contextos de lecer, na festa e no ocio nocturno, polo que todas as actividades que se están a desenvolver teñen esa temática como fío condutor. A programación completa de actividades pode consultarse na web defronte.gal, onde tamén se atopan outros recursos, como pílulas audiovisuais ou guías para traballar conceptos básicos arredor da violencia de xénero con distintos colectivos, así como a posibilidade de descargar a imaxe gráfica da campaña en distintos formatos.